A Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia debaterá mañá martes 27 de decembro o plan Galicia Saudable, unha iniciativa para fomentar a actividade física na comunidade que incorpora as directrices de diferentes institucións, como a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Así o explicou a portavoz de Deporte do PPdeG, María Seoane, nun comunicado no que sinala que coa aprobación deste plan Galicia será a primeira comunidade española en ter unha iniciativa que sitúa a actividade física “nun lugar de privilexio que debe ter nas políticas para a saúde”.
Segundo destaca, o plan incorpora recomendacións da OMS, a Organización das Nacións Unidas e a Unión Europea, ademais de achegas de expertos das tres universidades galegas, dos distintos departamentos do Goberno galego, de concellos, asociacións e empresas.
O principal obxectivo do plan é impulsar “un novo estilo de vida activa e saudable, promovendo un cambio de hábitos nas persoas” para acadar un maior benestar e calidade de vida.
Fonte: Axencia EFE




