O maratón A Coruña 42 discorrerá pola cidade herculina o próximo 15 de abril

por Galicia Saudable Martes, 27 Marzo 2012 10:28

A Coruña 42 vén a completar a triloxía das probas A Coruña 10 e A Coruña 21. O maratón, que se celebrará o próximo domingo 15 de abril, nace co obxectivo de posicionarse entre os máis rápidos de España, segundo indicou Francisco Mourelo, concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, na presentación da carreira. A proba ten a distancia reglamentaria de 42,195 quilómetros, homologada pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e que estará incluída o próximo ano no calendario nacional.

A carreira desenvolverase nun circuíto "totalmente plano, urbano e rápido", con saída na Avenida de Montoto e meta na Praza de María Pita. O percorrido constará de tres voltas de 14,065 quilómetros, pasando as dúas primeiras voltas pola saída principal e desviándose, na terceira, cara María Pita. "Galicia necesitaba unha carreira coma esta. É o único maratón homologado da comunidade", destacou Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo. Nesta mesma liña, fixo especial fincapé en que "a aposta da Coruña" é un "maratón rápido a nivel do mar".

O circuíto, con amplas avenidas e xiros suaves en rotondas naturais, será propicio para conseguir marcas de alto nivel e previse unha alta participación. "Salvo que a climatoloxía non respecte en absoluto, teremos grandes posibilidades para lograr grandes marcas. Certo que A Coruña non é Barcelona ou Valencia, sobre todo en canto a orzamento, pero confiamos en atraer a corredores de potencia", destacou Mourelo. Ademais, o feito de constar de tres voltas permitirá aos espectadores un mínimo de seis veces que, nalgún dos casos, como nos eixes das rúas Juana de Vega e Rúa Nova, pode chegar ata as oito veces. "Isto permitirá unha maior implicación dos espectadores no seguimento da proba", afirmou.

"A Coruña vai ser unha boa proba para todos os noveles que queiran reivindicarse, para todos aqueles que queiran dar o salto ao maratón. Vai ser un circuíto perfecto para darse a coñecer", suliñou.

Carreira de 10 quilómetros

O responsable da área de Deportes explicou, ademais, que simultaneamente A Coruña 42 desenvolverase unha carreira paralela de 10 quilómetros, tamén homologados pola RFEA, concibida para que participen o maior número de corredores. Esta simultaneidade das dúas carreiras, maratón e 10 quilómetros, é a tónica xeral que seguen os grandes maratóns en España (Madrid, Barcelona, Valencia ou Vitoria). Esta carreira comparte con Coruña 42 os primeiros 8.500 metros.

Máis información en: http://www.atletismogalego.org/