Presentación e firma da Declaración Galicia Saudable

por Galicia Saudable Venres, 11 Maio 2012 07:34
O acto de sinatura da DECLARACIÓN GALICIA SAUDABLE terá lugar o 15 de maio ás 10:30 horas na Cidade da Cultura. Este acto, presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, representa o compromiso do goberno galego e de todas as institucións e entidades adheridas ao Plan Galicia Saudable co fomento da actividade física e a adopción dun estilo de vida activo por parte de todas as persoas, como unha das claves para garantir o benestar e unha mellor calidade de vida dende a infancia ata a vellez.

A este acto tamén asistirán os membros do Comité de Persoas Expertas, ao que se acaba de incorporar recentemente Gregorio Varela Moreiras, presidente da Fundación Española da Nutrición.

O Plan Galicia Saudable xa conta con 292 adhesións, das que 218 corresponden a concellos. Nesta firma participarán os alcaldes e concelleiros dos municipios adheridos ao Plan, así como as empresas, entidades, federacións e medios de comunicación que forman parte deste proxecto.

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, unha iniciativa liderada polo Presidente da Xunta de Galicia, e que se articula e impulsa a través da Secretaría Xeral para o Deporte, quere facer fronte ao grave problema do sedentarismo e enfermidades derivadas, como son a obesidade, o sobrepeso, as enfermidades cardiovasculares ou a diabetes, entre outras.