O I Circuíto Galego de Andainas Saudables continúa a súa andada este domingo 3 de xuño no Concello de Sarria. O percorrido ten unha distancia total de 4,43 km, con saída e chegada desde a zona de aparcadoiro de Eroski no municipio (rúa Matías López, 108), pasando polo parque saudable das Insuas.
Este circuíto de andainas saudables está incluído dentro do Plan Galicia Saudable e está patrocinado por Eroski. As inscricións tramitaranse na Unidade de Promoción do Exercicio Saudable (UPE) do Concello de Sarria ou no centro Eroski deste municipio, onde se habilitou un stand con información sobre hábitos de vida saudables e promoción do exercicio físico. Ademais, entregaráselle aos cidadáns trípticos coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) segundo os grupos de idade e consellos para iniciarse nas andainas.
A saída da andaina está programada para as 11:00 horas, aínda que se aconsella chegar ás 10:00 para control, inscricións e distribución de avituallamento. A volta está prevista para as 12:30 horas no mesmo lugar.
O I Circuíto Galego de Andainas Saudables está orientado para iniciar a actividade de camiñar para mellorar a saúde dos cidadáns a través da actividade física. Os percorridos son circulares, voltando ao lugar de saída, discorren pola contorna máis próxima e grazas ao seu perfil baixo son perfectos para incorporar hábitos saudables de actividade física na vida cotiá. Posteriormente, os concellos contarán cunha rede de itinerarios saudables establecidos por niveis de dificultade, para garantir á poboación poder iniciarse ou perfeccionarse no hábito de andar para mellorar a súa saúde. Galicia Saudable é un plan integral, impulsado pola Xunta de Galicia, que quere axudar aos galegos e galegas a incorporar a práctica de actividade física na súa vida cotiá.




