O 34% dos nenos españois de entre 10 e 12 anos presenta sobrepeso, segundo un estudo da Universidade de Zaragoza

por Galicia Saudable Xoves, 31 Maio 2012 09:36
O 34 por cento dos nenos españois de entre 10 e 12 anos presenta sobrepeso, dos que un 8 por cento é obeso, segundo un estudo europeo no que participou a Universidade de Zaragoza.

Segundo estes datos obtidos no proxecto europeo Energy, no que colaboraron 7.125 preadolescentes de sete países, España situaríase por enriba da media europea, que alcanza un 30 por cento de sobrepeso, porcentaxe que inclúe un 10 por cento de obesidade.

Grecia é o país europeo participante que encabeza o ranking cun 50 por cento de sobrepeso (20% de obesidade), seguido por Eslovenia e España, que empatan cun 34% de sobrepeso e de Hungría, cun 31%.

Coas taxas máis baixas, sitúase Noruega (19%), Bélxica (21%) e Holanda (22%). Precisamente os adolescentes noruegueses, belgas e holandeses son os que máis empregan a bicicleta para trasladarse a diario ao colexio, fronte aos nenos gregos, co nivel máis baixo de participación en actividades deportivas, explica a Universidade nun comunicado.

Os resultados desta primeira fase do estudo acaban de ser publicados na revista científica Plus One e, a partir de agora, traballarase na busca de estratexias para previr o exceso de peso neste sector de poboación.

Nova completa: Europa Press