Os problemas cardiovasculares, a diabetes, os trastornos respiratorios e o cancro son as catro enfermidades crónicas "máis frecuentes" e supoñen "o 70 por cento do gasto sanitario en España". Así o afirmou o doutor do Grup Segassa José Augusto García Navarro con motivo da celebración do congreso das Sociedades Española e Galega de Xeriatría e Xerontoloxía que ten lugar estes días en Santiago de Compostela.
Segundo indicou, o progresivo envellecemento da poboación en España vai acompañado dun "marcado incremento" das enfermidades crónicas, ata o punto de que "moitos especialistas falan deste fenómeno como a pandemia do século XXI". Neste sentido, indicou que tamén a Organización Mundial da Saúde (OMS) asegura que as enfermidades crónicas "son e serán a gran carga dos sistemas sanitarios", polo que "representan un reto de adaptación tanto para os profesionais sanitarios como para os pacientes".
A este respecto, o doutor García Navarro asegurou que "un 80 por cento" das enfermidades cardiovasculares, infartos cerebrais e un de cada tres cancros "pode evitarse modificando estilos de vida". Para isto, considerou "fundamental" actuar sobre factores de risco como o tabaquismo, o abuso de alcohol, o sedentarismo ou as dietas desequilibradas.
Ademais, abogou por "unir esforzos" desde a atención primaria e a xeriatría hospitalaria. Desde a atención primaria para "implantar hábitos de vida saudables desde o primeiro momento e exercer un adecuado control da enfermidade". Desde a xeriatría hospitalaria para "tratar os pacientes máis complexos e que máis dificultan a xestión do sistema sanitario".
Ler máis: nova completa




