A loita contra a obesidade infantil centra o primeiro encontro entre responsables da Fundación Thao e o Plan Galicia Saudable

por Galicia Saudable Xoves, 05 Xullo 2012 11:54
Responsables do Plan Galicia Saudable e da Fundación Thao reuníronse hoxe en Santiago de Compostela nun primeiro achegamento para establecer proxectos e iniciativas comúns de cara a implantar hábitos saudables entre a poboación galega. Rafael Casas, director xeral da Fundación Thao, expuxo as liñas xerais da organización e os proxectos actuais que están desenvolvendo na área da prevención da obesidade infantil a través da actividade física e os hábitos de vida saudables. Por parte de Galicia Saudable estiveron presentes Carmen Atero, directora do Plan; Javier Rico, xerente da Fundación Deporte Galego; e Miguel Rodríguez, director técnico do Plan.

A Fundación Thao é unha organización non lucrativa que se dedica a promover estilos de vida saudables entre os cidadáns e a previr problemas de saúde para reducir a prevalencia de enfermidades crónicas non transmisibles relacionadas co estilo de vida. As súas accións e programas buscan conseguir cambios de comportamento co obxectivo final de conseguir unha sociedade máis saudable, integrada, alegre e feliz. Para este organismo, a saúde é un investimento de futuro que non só prevé enfermidades, senón que incrementa a produtividade da poboación activa, mellora a capacidade funcional e emocional das persoas e reduce as necesidades dos servizos sanitarios e sociais.

Un dos principais obxectivos do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é crear as condicións necesarias para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.