Galicia Saudable comprométese coa formación do persoal técnico dos concellos adheridos ao Plan

por Galicia Saudable Mércores, 18 Xullo 2012 11:47
Galicia Saudable implícase coa formación do persoal técnico dos concellos adheridos ao Plan ofrecendo cursos que axuden a proxectar medidas encamiñadas ao fomento da actividade física entre a poboación.

Neste tempo 94 técnicos dos municipios galegos recibiron formación para a redacción do Plan Local de Fomento da Actividade Física (necesario para os concellos que queiran constituírse como UPE), a través dun curso on-line froito da colaboración do Plan coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Galicia Saudable tamén preparou aos técnicos no manexo do buscador de instalacións Galicia Activa en tres cursos diferentes, contando cunha participación de 71 persoas. O curso "GaliciActiva: manexo da plataforma de xestores" formou aos técnicos participantes na xestión compartida da plataforma, facilitando así aos concellos e entidades adheridas ao Plan unha nova ferramenta de difusión e comunicación das súas actividades e espazos para a práctica da actividade física saudable.

Pola súa banda, o "I Curso de Dinamización de Espazos Saudables", no que participaron 18 técnicos, converteuse nun verdadeiro foro de debate técnico sobre a creación dos espazos saudables propostos polo Plan Galicia Saudable, suma dos parques de saúde, os puntos Móvete e o novo modelo de itinerarios saudables. O curso, realizado en colaboración coa empresa Lappset, contou ademais cunha sesión práctica sobre a dinamización e o traballo dos parques saudables.