Benvido a Galicia Saudable
Galicia Saudable é un plan promovido polo goberno galego que quere axudarche a gozar dos beneficios dunha vida máis activa e saudable. Aquí atoparás información práctica sobre lugares, actividades e servizos para facer exercicio na túa contorna máis próxima. Tamén poderás realizar todas as consultas que consideres oportunas para mellorar a túa saúde a través do exercicio e o deporte. ¡Anímate e ponte en marcha! Forma parte dunha Galicia máis saudable.
Por que Galicia Saudable?
Nas últimas décadas a nosa sociedade experimentou un vertixinoso desenvolvemento tecnolóxico, económico e social, que trouxo consigo un profundo cambio na nosa forma de comportarnos e de relacionarnos entre as persoas e coa nosa contorna. As novas formas de vida e os distintos desenvolvementos tecnolóxicos, pensados para facilitarnos a vida e axudarnos a ter unha existencia máis cómoda, convertéronnos en seres inactivos nas nosas tarefas de todos os días, xa sexa no noso fogar, no traballo ou nos nosos momentos de lecer. Esa inactividade e falta de movemento característica das nosas sociedades está a empezar a ter consecuencias na nosa saúde.
A insuficiente actividade física é unha das causas principais das enfermidades con maior impacto na actualidade, como son as patoloxías cardiovasculares, a diabetes, a hipertensión arterial, a obesidade, o cancro, as enfermidades mentais e as afeccións de ósos e articulacións. É certo que vivimos cada vez máis anos, pero facémolo con peor calidade de vida porque enfermamos cada vez a idades máis temperás e de patoloxías crónicas, que nos acompañarán o resto das nosas vidas. Esta realidade pode cambiar.
A Xunta de Galicia, convencida dos enormes beneficios que a práctica regular da actividade física pode traer para a saúde da cidadanía, puxo en marcha o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable. Un plan a través do cal se pretende crear as condicións para que todas as persoas que habitan a nosa comunidade poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde. Esta iniciativa, impulsada polo Goberno autonómico en colaboración coas principais institucións e organizacións dos ámbitos educativo, sanitario, empresarial e social, afronta o reto de promover un modelo de vida máis activo e situar á actividade física como un instrumento fundamental para ter unha vida máis saudable.
Galicia móvese, e faio para vivir mellor.



