Envellecemento Activo
Todas as persoas maiores deben manterse activas e incorporar a actividade física dentro das súas tarefas diarias para manter a súa independencia física, gozar de boa saúde e gozar dunha maior calidade de vida.
O envellecemento vén acompañado por unha serie de cambios no noso organismo. Aos poucos imos perdendo forza e mobilidade, os reflexos fanse máis lentos e temos unha maior acumulación de graxa corporal. Estes cambios terminan orixinando unha diminución da capacidade para realizar as actividades do día a día e unha perda da autonomía persoal. A actividade física é o mellor remedio para atrasar eses cambios biolóxicos e minimizar a perda de capacidades que carrexan.
O que gañan as persoas maiores activas
Os beneficios de manter unha vida activa están fóra de toda dúbida. As persoas maiores fisicamente activas gozan de:
- - Mellor funcionamento de todo o organismo.
- - Músculos e ósos máis fortes.
- - Maiores niveis de mobilidade e equilibrio.
- - Menor risco de caídas e lesións.
- - Menor risco de desenvolver enfermidades crónicas como as cardiopatías, a diabetes tipo II, a hipertensión e a osteoporose.
- - Maior control do peso corporal.
- - Mellor estado de ánimo e calidade do soño.
- - Maior autonomía e capacidade funcional.
Consellos para incorporar a actividade física nas tarefas diarias
Ser unha persoa activa é relativamente fácil. O segredo é ir incorporando aos poucos a actividade física nas tarefas cotiás. Cómo podemos facelo?:
- - Camiñando sempre que sexa posible.
- - Utilizando medios de transporte alternativos como a bicicleta.
- - Se se utiliza o transporte público, baixándose unha parada antes do destino.
- - Facendo as tarefas do fogar, de xardinería, lavando o coche...
- - Utilizando as escaleiras en lugar do ascensor.
- - Saíndo a pasear cos netos.
- - Tomándose uns minutos para estirar as pernas e mover as articulacións.
- - Permanecendo de pé mentres se fala por teléfono en lugar de sentado.
- - Cambiando 10 minutos de televisión por un paseo antes de cear.
- - Non utilizando o mando a distancia.
- - Utilizando o baño máis afastado.
- - Facendo as cousas por un mesmo, non pedindo que llas traian.
Recorda
- - Canto máis se movan as persoas maiores, mellor se sentirán.
- - As persoas máis activas prolongan a súa independencia.
- - Todas as persoas poden beneficiarse dun estilo de vida activo.
- - Calquera momento da vida é bo para comezar. A idade non é un impedimento.




