Levar un estilo de vida activo é fundamental para gozar de boa saúde e unha maior calidade de vida a calquera idade. Canto máis se mova unha persoa, maiores serán os beneficios que obterá. Ademais de manterse activas nas súas tarefas cotiás, é moi beneficioso que as persoas maiores dediquen todos os días un pouco de tempo á realización de exercicio físico específico para mellorar a súa saúde.
Cales son as actividades recomendadas?
Para obter os maiores beneficios para a saúde, é fundamental coñecer que tipo de actividades son as máis recomendadas para as persoas maiores.
Son as seguintes:
- - Actividades aerobias: Actividades como camiñar, montar en bicicleta, nadar e bailar axudan a que o corazón, os pulmóns e a circulación traballen mellor, ademais de producir un importante consumo de calorías. Con estas actividades mellórase a condición física e a resistencia, ademais de axudar a controlar o peso corporal.
- - Actividades de forza: Son actividades nas que os músculos teñen que vencer algunha resistencia, como o propio peso do seu corpo ou levantar unha pesa. Estas actividades fortalecen os músculos e os ósos, reducen a perda de masa ósea e melloran o equilibrio e a postura.
- - Actividades de coordinación e equilibrio: A coordinación e o equilibrio son calidades que vamos perdendo co paso dos anos. Por iso é moi importante que se traballen a través de exercicios como manipular obxectos, mover as pernas e brazos ao mesmo tempo, facer diferentes tipos de desprazamentos ou permanecer en equilibrio sobre unha superficie inestable. Estas actividades e as de forza axudan a evitar caídas, un problema moi común nos adultos maiores.
- - Actividades de flexibilidade e mobilidade das articulacións: Os estiramentos dos músculos e a mobilidade das articulacións permiten ás persoas maiores manterse máis flexibles e áxiles. Isto dálles unha maior liberdade de movemento e axúdalles realizar de xeito máis sinxelo as tarefas diarias como pórse os calcetíns, atarse os zapatos, peitearse ou coller obxectos afastados.
Canto exercicio se necesita?
O ideal é que as persoas maiores estean activas todos os días. Os expertos recomendan realizar polo menos 30 minutos de exercicio físico de intensidade moderada durante cinco días á semana, ou 20 minutos de intensidade vigorosa tres veces á semana para mellorar a saúde e a condición física. Estes 20 ou 30 minutos de exercicio poden realizarse unha vez, ou distribuírse en períodos de 10 minutos ao longo do día.
Recomendacións da OMS
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda, para as persoas maiores de 65 anos:
- - Dedicar 150 minutos semanais a realizar actividades físicas moderadas aerobias, ou ben algún tipo de actividade física vigorosa aerobia durante 75 minutos, ou unha combinación equivalente de ambas.
- - A actividade practicarase en sesións de 10 minutos, como mínimo.
- - Coa fin de obter maiores beneficios para a saúde, os adultos deste grupo de idades deberían aumentar ata 300 minutos semanais a práctica de actividade física moderada aerobia, ou ben acumular 150 minutos semanais de actividade física aerobia vigorosa, ou unha combinación equivalente das dúas.
- - Os adultos deste grupo de idades con mobilidade reducida deberían realizar actividades físicas para mellorar o seu equilibrio e impedir as caídas, tres días ou máis á semana.
- - Conviría facer actividades que fortalezan os principais grupos de músculos dous ou máis días á semana.
- - Cando os adultos de maior idade non poidan realizar a actividade física recomendada debido ao seu estado de saúde, manteranse fisicamente activos na medida en que llo permita o seu estado.
Recorde
Nunca é tarde para adoptar un estilo de vida activo. Todas as persoas poden beneficiarse da práctica de exercicio físico, e a idade non pode ser usada como escusa para non facer nada. As persoas que teñen algunha enfermidade crónica tamén poden ter importantes beneficios se se volven máis activas. A práctica de actividade física e exercicio pode axudarlles a reducir moitos dos efectos negativos que teñen esas enfermidades. Se se padece algunha enfermidade, o médico aconsellaralle a forma máis segura de facer actividade física e exercicio.





