A familia ten un rol fundamental á hora de favorecer e fomentar que as persoas teñan unha vida activa. Os nenos e nenas que se crían nunha familia onde os seus pais e nais, irmáns e irmás e outros parentes teñen unha vida activa polo xeral tenden a imitarlles e pronto se deciden a facer deporte ou realizar actividades ao aire libre. Da mesma forma, cando as persoas adultas dunha familia levan unha vida sedentaria os seus fillos e fillas adoitan ter comportamentos similares e son pouco activos.
Polo tanto, facer actividade física de forma habitual non é unha cuestión individual. As persoas coas que vivimos e que son o noso exemplo de vida teñen unha importante responsabilidade en animarnos a ter unha vida máis activa a través da práctica de deportes ou doutras actividades que nos inviten a movernos para exercitar os nosos músculos e gastar enerxía.
Que actividades podemos realizar?
Hai moitas actividades que podemos facer en familia para adoptar un estilo de vida activo. A continuación suxerimos algunhas que pais e nais poden realizar xunto aos máis pequenos da familia:
- - Camiñar para ir e volver do colexio ou doutras actividades extra-escolares.
- - Montar en bicicleta ou patinar.
- - Xogar xuntos ao aire libre, xa sexa na praza máis próxima ou nunha excursión por bosques ou montañas.
- - Camiñar xuntos ata o mercado para facer a compra.
- - Ordenar a casa.
- - Limpar o xardín.
- - Pasear polas zonas verdes do noso pobo ou cidade.
Tamén se pode facer deporte en familia
É moi importante que pais e nais animemos e acompañemos aos nosos fillos e fillas para que se inicien na práctica deportiva. Escoitar os desexos e preferencias dos nosos pequenos á hora de elixir a disciplina deportiva é fundamental, e tamén o é que os acompañemos para que sentan que valoramos o que fan e os apoiemos. Inicialmente, o máis recomendable é que os nenos e nenas proben distintas disciplinas deportivas para ter diferentes experiencias, co principal interese de que se divirtan, coñezan novos amigos e acompañen o seu desenvolvemento físico, mental e social.
Pero, ademais, o deporte tamén ofrece moitas oportunidades para compartir actividades entre os distintos membros da familia. Por exemplo, podemos saír a navegar en kaiak por un río; montar en bicicleta polo carril-bici da nosa cidade ou algún bosque próximo ao noso pobo; ou compartir un partido de pádel ou tenis. Son diferentes alternativas para compartir un intre divertido e incorporar entre todos a actividade física como hábito saudable.




