Lecer activo en nenos e nenas
Ter unha vida activa é sinónimo de saúde. E no caso dos máis pequenos, tamén é sinónimo de xogo e goce.
A práctica de actividade física regular é fundamental para o desenvolvemento saudable dos nenos e das nenas.
Ter unha vida activa desde os primeiros anos de vida ten beneficios demostrados:
- - Mellora a capacidade cardiorrespiratoria.
- - Fortalece os ósos
- - Incrementa a forza e a resistencia muscular.
- - Mellora a flexibilidade.
- - Desenvolve a coordinación.
- - Axuda a manter controlado o peso corporal.
- - Diminúe a posibilidade de desenvolver na adultez enfermidades crónicas como a diabetes ou a hipertensión.
Que tipos de actividades poden realizar?
No caso dos máis pequenos, recoméndase animalos a realizar todo tipo de actividades que supoñan un gasto de enerxía, que inclúan un compoñente lúdico e que se poidan realizar con outros nenos e nenas, cos seus pais ou os seus avós.
Entre esas actividades atópanse:
- - Xogar ao aire libre nos parques e prazas.
- - Montar en bicicleta.
- - Patinar.
- - Saltar á corda.
- - Xogar coa pelota.
- - Realizar paseos en familia por parques ou zonas verdes do seu pobo ou cidade.
Ademais, é importante que os nenos e nenas incorporen hábitos de vida activa nas súas actividades do día a día. Por exemplo, ir camiñando ao colexio ou a actividades extraescolares, utilizar as escaleiras en lugar de ascensores e apuntarse a actividades deportivas extraescolares.
Tamén é fundamental que a familia regule o uso da televisión, o computador e os videoxogos, evitando que pasen moitas horas con eles e seleccionando aqueles videoxogos que inviten á realización dalgún tipo de actividade física.
Por que é importante facer actividade física no tempo libre?
Os cambios que se produciron nos últimos anos na nosa sociedade fan que todos nos movamos cada vez menos, e esta preocupante situación maniféstase especialmente no caso de nenos e nenas.
A diferenza das xeracións pasadas, que pasaban varias horas ao día realizando xogos ao aire libre ou actividades deportivas, os nenos e nenas do presente pasan moitas horas ao día en actividades sedentarias. Practicamente non se moven en horario escolar, donde permanecen sentados durante moito tempo fóra das horas de actividade física. Pero, máis preocupante aínda, tamén permanecen quedos durante o tempo libre, nos que a televisión, as consolas e internet ocupan a maior parte das horas de lecer.





