Mozos e adultos activos

Levar un estilo de vida activo é fundamental para gozar de boa saúde. Cando realizamos suficiente actividade física sentímonos mellor, con máis enerxía e máis fortes. E o que é moi importante, se temos unha vida activa tamén enfermamos menos e reducimos os riscos de sufrir enfermidades cardiovasculares, hipertensión, diabetes, osteoporose, depresión e algúns tipos de cancro. En síntese, movernos e gozar dunha vida activa permitiranos gozar de grandes beneficios para a nosa saúde e calidade de vida.

Os beneficios dunha vida activa

Realizar actividade física de xeito habitual permítenos:

  • - Mellorar o funcionamento de todo o organismo.
  • - Fortalecer os ósos e os músculos.
  • - Axuda a controlar o peso corporal para previr o sobrepeso e a obesidade.
  • - Reduce o risco de padecer enfermidades cardiovasculares, diabetes, hipertensión, hipercolesterolemia, osteoporose e algúns tipos de cancro.
  • - Diminúe o risco de morte prematura.
  • - Mellora o estado de ánimo e o humor.
  • - Diminúe o risco de tensión e a ansiedade.

Como levar un estilo de vida activo

Os cambios na nosa forma de vida fixeron que sexamos bastante inactivos. Pasamos moitas horas ao día en actividades sedentarias, como permanecer sentados durante horas fronte ao televisor ou ao ordenador ou utilizar o coche para todos os desprazamentos ata en pequenos percorridos. Por iso, o obxectivo que debemos poñernos é incorporar a actividade física nas nosas actividades habituais, porque iso permitiranos movernos sen necesidade de modificar substancialmente os nosos costumes nin de facer grandes esforzos.

Ao longo do día existen moitas oportunidades de incorporar a actividade física. Suxerímosche algunhas moi sinxelas:

  • - Camiña sempre que poidas.
  • - Báixate do autobús unha parada antes ou logo do teu destino.
  • - Utiliza a bicicleta para desprazarte.
  • - Utiliza as escaleiras en lugar do ascensor.
  • - Deixa o coche afastado das entradas.
  • - Tómate uns minutos para estirar as pernas e mover as articulacións.
  • - Cambia 10 minutos de televisión por un paseo antes de cear.
  • - Utiliza o tempo libre para realizar actividade física, como camiñar, bailar, montar en bicicleta ou practicar deportes de xeito recreativo.

Canta actividade física é conveniente realizar?

Os expertos din que para mellorar a nosa saúde debemos realizar polo menos 30 minutos de actividade física moderada cinco días á semana, ou 20 minutos de actividade física intensa tres días á semana.

Pero debes saber algo moi importante: facer algo de actividade física, por pouca que pareza, sempre é mellor que non facer nada. Ademais, para mellorar a túa saúde non necesitas que a actividade sexa moi intensa, senón que alcance unha actividade moderada. Evidentemente, canta máis actividade física realices maiores serán os beneficios para a túa saúde.

Recomendacións da OMS

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda, para os homes e mulleres de entre 18 e 64 anos:

  • - Acumular un mínimo de 150 minutos semanais de actividade física aerobia moderada, ou ben 75 minutos de actividade física aerobia vigorosa cada semana, ou ben unha combinación equivalente de ambas.
  • - A actividade aerobia practicarase en sesións de 10 minutos de duración, como mínimo.
  • - Coa fin de obter aínda maiores beneficios para a saúde, os adultos deste grupo de idade aumentarán ata 300 minutos pola semana a práctica de actividade física moderada aerobia, ou ben ata 150 minutos semanais de actividade física intensa aerobia, ou unha combinación equivalente das dúas.
  • Dúas veces o máis pola semana, realizar actividades de fortalecemento dos grandes grupos musculares.

Para saber máis:

Recomendacións da OMS

Come sano e móvete. 12 decisions saudables. (Ministerio de Sanidad, Política social e Igualdad)