Cores Tourís analiza co secretario xeral para o Deporte a posta en marcha do Plan Galicia Saudable
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, explicou ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que o plan galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o problema da obesidade e o sobrepeso e que constitúe a aposta da Xunta para cambiar, en clave de actividade física e saúde, a sociedade.
"Trátase dun único discurso, dunha única mensaxe, dun único proxecto de goberno ante unha problemática que a Organización Mundial da Saúde cualificou de auténtica epidemia mundial do século XXI: a obesidade e o sobrepeso", comentou Lete Lasa, e engadiu: "A práctica da actividade física é a única solución real e efectiva ao problema". Por iso, consciente desta realidade, o Goberno da Xunta vai pór en marcha este plan Galicia Saudable, unha formulación "integral, multidisciplinar e estratéxica" que recolle distintas accións e medidas que van desde a creación de Unidades de Promoción do Exercicio (upe) nos concellos, ata a implementación das Escolas Saudables, pasando polo esforzo investido en obras e equipamentos deportivos accesibles ao máis amplo abano da, á súa vez, máis ampla e diversa práctica da actividade física.
Xornada informativa en Pontevedra
O secretario xeral para o Deporte trasladou así ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra da posta en marcha, o próximo 29 de febreiro, no propio edificio administrativo de Campolongo, dunha xornada informativa á que estarán invitados os alcaldes e concelleiros dos 48 municipios que conforman a demarcación territorial da Delegación.
Nesta reunión trasladarase aos rexedores a importancia da posta en marcha do presente plan que permitirá a aprobación da declaración de Galicia Saudable, creándose así un protocolo que permitirá a adhesión a unha mesma rede de diversos actores de todo os eidos que aposten "por traballar para cambiar, en clave de actividade física e de saúde, a nosa sociedade".
"Trátase de traballar na motivación dos cidadáns cara a práctica do deporte e da actividade física", incidiu o secretario xeral lembrando que o deporte constitúe "unha ferramenta óptima en moi diversos campos"como o sanitario como factor clave e cientificamente avalado na prevención de determinadas enfermidades; no educativo, como instrumento necesario para a educación en valores; ou no económico, como un sector especificamente identificable e xa cuantitativo e avaliable no produto interior bruto do Estado. "O feito deportivo está e debe estar, polo tanto, nas axendas políticas dos gobernos", concluíu Lete Lasa.
O Parlamento galego aproba o plan Galicia Saudable
A comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego deu o visto bo ao plan galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, defendeu o proxecto e destacou que este responde ao traballo de dous anos nos que contou coa participación dunha comisión de expertos e outros actores involucrados no fomento da saúde pública. Con esta aprobación o Plan Galicia Saudable segue a súa marcha en prol dunha Galicia máis activa e Saudable.
Lete Lasa resaltou tamén o labor do seu departamento a través das unidades de promoción de exercicio, instaladas xa en 28 concellos da comunidade e reivindicou que Galicia Saudable pretende "ser moito máis que unha marca" para convertelo en "movemento" que busca modificar os hábitos de vida dos galegos.
O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable nace co obxectivo de crear as condicións necesarias para que a poboación galega desfrute dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar dun maior benestar e calidade de vida e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo.
Galicia Saudable é un plan promovido polo goberno galego que quere axudar a sociedade a gozar dos beneficios dunha vida máis activa e saudable, aportando información práctica sobre lugares, actividades e servizos para facer exercicio na contorna máis próxima.
A Mancomunidade Terra de Celanova recibiu o galardón ao concello co mellor labor na promoción da actividade física e o deporte
A unidade de promoción do exercicio “Mancomunidade Terra de Celanova Saudable” recibiu o Premio Deporte Galego 2011 ao concello co mellor labor de promoción da actividade física e o deporte na gala celebrada onte no Teatro Jofre de Ferrol.
Os obxectivos que se buscan para promover os estilos de vida saudables nesta mancomunidade son: previr enfermidades e malos hábitos; axudar a tomar conciencia do que comemos; promover os bos hábitos e a actividade física combatendo a inactividade; e fomentar unha alimentación equilibrada.
O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijoo, lembrou na súa intervención a posta en marcha por parte da Administracion galega do plan Galicia Saudable, que quere fomentar o deporte en todas as xeracións e en todas as partes da comunidade; e a futura Lei do Deporte, que protexe non só aos 300.000 deportistas federados, senón tamén aos que practican deporte no día a día e que, por primeira vez, regula a loita contra a dopaxe e a violencia. Tamén afirmou que “na botica de remedios contra a crise, o deporte e os seus valores de superación e de cooperación deberán figurar nos medicamentos máis recomendados”.
Fonte: http://deportegalego.es/index.php?idMenu=67&int1=1560&idIdioma=2
Galicia Saudable elabora un Protocolo de Valoración da Condición Física
Un dos moitos obxectivos que ten o Plan Galicia Saudable é o de establecer protocolos validados científicamente nos diferentes ámbitos de actuación, que permitirán valorar de forma sistemática e rigorosa os resultados da intervención na comunidade de forma rigorosa.
Un equipo de traballo coordinado polo Prof. Eliseo Igrexas (Facultade de Ciencias do Deporte e a Actividade Física, Universidade A Coruña) está traballando na creación dun protocolo de avaliación da condición física saudable. Este protocolo establecerá os indicadores de seguimento e control do Plan Galicia Saudable por tramos de idade (6-17, 18-64 e 65 ou máis anos).
Para a validación desta ferramenta metodolóxica, nestes momentos estase realizando unha proba piloto en cinco concellos que forman parte da Rede de Unidades de Promoción do Exercicio (UPES). A proba piloto finalizará o 15 de setembro.
Unha vez concluídas estas probas e validado o protocolo, deseñarase unha ferramenta informática para o procesamento dos datos que se vaian recollendo nas diferentes Unidades de Valoración da Condición Física (UVCF) que funcionarán nalgunhas UPES, o que permitirá dispor de información de valor sobre os resultados de Galicia Saudable.



